REUNIÓNS VIRTUAIS DURANTE O CURSO 2020-2021
O proxecto CompostEVA comezou a súa actividade en novembro de 2020. Durante este primeiro ano, as restricións á mobilidade transnacional, derivadas da crise sanitaria que provocou a Covid-19, impediron a organización das reunións presenciais, que son o eixo vertebrador dos proxectos Erasmus+.
Por iso, tivemos que trasladar os nosos encontros ao espazo virtual. Coñecémonos en pantalla e, ao longo de todos estes meses, fomos consolidando a nosa relación a través dos moitos debates, iniciativas, propostas e documentos compartidos que se necesitan para poñer en marcha un proxecto: videoconferencias mensuais para facer seguimento dos produtos, con presenza de todo o equipo, pero tamén videoconferencias bilaterais para tratar aspectos concretos, innumerables chamadas de teléfono, mensaxes, correos electrónicos, e uns arquivos compartidos que non deixan de crecer. Coñecemos os nosos centros de traballo, as nosas casas e, tras tantas conversacións, desenvolvemos un sentimento de equipo que nos fai sentir máis próximos.
Nos días 19, 20 e 21 de xullo terá lugar nosa primeira reunión presencial, en Santiago de Compostela, onde poderemos atoparnos ao fin. Á espera de tan ansiado momento, compartimos este breve vídeo de presentación dos membros do proxecto.