Europa construíuse camiñando. Durante a Idade Media, os roteiros de peregrinación a Compostela foron o primeiro elemento vertebrador nunha Europa fragmentada. A actual Unión Europea nace igualmente dunha Europa rota e enfrontada tras a Segunda Guerra Mundial, en busca de valores que permitan recuperar o sentido da unidade. A elección da temática do Camiño de Santiago entronca coa necesidade de atopar elementos e valores comúns que reforcen os vínculos con Europa e o sentimento de pertenza, nun contexto de cuestionamiento dos valores europeos.
A educación patrimonial a partir dos bens culturais do Camiño inicia un diálogo intercultural sobre o que temos en común e permite redescubrir o patrimonio, non como algo estático ou do pasado, senón como unha herdanza que evoluciona a través do noso compromiso con el. Por tanto, interactuar co patrimonio é interactuar coa nosa identidade. Transmitir a idea da importancia da súa conservación é contribuír á construción dun futuro integrador, cosmopolita e universal.
O proxecto CompostEVA espera facerse eco da oportunidade de aprendizaxe que representa o Camiño de Santiago e utilizala en beneficio do obxectivo que se persegue: a educación patrimonial en contornas virtuais de aprendizaxe (EVA) que favorezan a adquisición de competencias básicas, en particular, as competencias sociais, dixitais e autorreguladoras, entre un público adulto.